Saturday 04 de May de 2024

O Plan Municipal contra os Incendios Forestais aprobarase este xoves no pleno


O escrito, que recibiu esta mañá o ditame favorable da Comisión Informativa de Medio Ambiente, delimita a rede secundaria de faixas de xestión da biomasa, en que as persoas titulares deberán cortar e retirar a maleza dos seus terreos

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais obtivo esta mañá o ditame favorable da Comisión Informativa de Medio Ambiente do concello e levarase a pleno este xoves para a súa aprobación definitiva. O escrito elaborouse en cumprimento das previsións contidas na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e integrarase no Plan Municipal de Emerxencias.

O plan delimita a rede secundaria de faixas de xestión da biomasa, é dicir, aquelas franxas de seguridade ideadas para evitar a propagación do lume, onde as persoas responsables deberán cortar e retirar a maleza así como as especies arbóreas máis combustibles, que están incluídas na Disposición Transitoria 3ª de dita Lei. Entre elas, atópanse os eucaliptos, acacias, toxos, silvas, fentos e pinos.
A rede secundaria de xestión da biomasa do concello abarca aqueles terreos que están situados nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, polo que afecta a un total de 1196 parcelas, a maioría delas de titularidade privada.

Nota de Prensa

Os titulares destas leiras deberán de xestionar a biomasa antes do 31 de maio de cada ano.
Ademais, o Plan Municipal define as 200 parcelas que están integradas dentro da parroquia de San Pedro de Visma como de Alto Risco de Incendio. Nesta zona priorizada, como consecuencia do convenio suscrito entre a Xunta, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), ao que o concello está adherido, ofrécese aos propietarios e propietarias a posibilidade de que Seaga as limpe a un prezo de 0.0350 €/m2 anuais, previa suscripción dun contrato (que está a disposición das persoas interesadas nas oficinas do Servizo Municipal de Medio Ambiente).
O Plan será ampliado posteriormente, mediante a delimitación da franxa perimetral ao redor de edificacións destinadas a persoas, vivendas ailladas, urbanizacións, depósitos de residuos, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais localizados a menos de 400 metros do monte, así como á que respecta a construcións ailladas e destinadas a persoas no solo rústico, que estean a máis de 400 metros do monte. Así mesmo, incluirase a rede de pistas, vías, camiños e estradas de titularidade municipal. Para levar a cabo esta ampliación do Plan, o concello contará coa colaboración Técnica da Consellería de Medio Rural.